Presentación

Benvido a túa web, se tedes unha teima pola cultura galega, dende Arteixo queremos impulsala en tódolos ámbitos posibeis. Para isto naceu a Asociación Cultural Monte da Estrela no verán de 2008.

Falando de Patrimonio Cultural, Arteixo é un concello que se encontra adormecido, porque a pesar da eclipse que produce o polígono de Sabón, o certo é que a súa Historia como pobo non comeza a partir de aquí, senón de moito máis atrás, remontándose a Prehistoria. O que fai falla é coñecela e difundila protexendo as súas manifestacións, algo moi sinxelo pero que require os ingradientes necesarios.
 
Tendo en conta que, o termo Patrimonio Histórico na actualidade considera como Bens Culturais:
 
 - Os inmobles e obxectos mobles de interese artístico, histórico, paleontolóxico, arqueolóxico, etnográfico, científico e técnico
 - O Patrimonio documental e bibliográfico
 - Os xacementos e zonas arqueolóxicas
 - Os sitios naturais, xardíns e parques, que teñen valor artístico, histórico ou antropolóxico
 
É evidente que Arteixo posúe un amplio patrimonio, tanto natural como cultural, porque o Concello de Arteixo está formado por trece parroquias, cada unha delas coa súa porción de bens, sendo a parroquia de Arteixo a máis urbana e popular. As restantes, na súa maioría grandes descoñecidas, son as que conservan a esencia do rural e grandes sorpresas patrimonias esquecidas.
 
Como solución para reconstruir esta débeda co pasado, que debería preocupar e implicar ao conxunto da sociedade, animámosvos a colaborar. Porque cambiar esta situación e, conseguir que, neste caso, Arteixo comece a espertar e potencializar o seu Patrimonio Cultural será posible coa axuda de todos nos, e dun persoal cualificado. Desta maneira estaremos máis cerca de poder xestionar como é necesario, e según marcan as leis e as nosas obrigas, un legado que en boa parte está apocado a perderse.